Thursday 16 de May de 2024

O Pleno aproba por unanimidade o novo regulamento da Feira Medieval e solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico para a Feira Cabalar de San Marcos


 

Xosé Perez adianta que “no próximo pleno ou no seguinte traeremos a proposta para solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico para a Feira Medieval de Noia”

A unanimidade caracterizou a parte dispositiva do Pleno ordinario de xaneiro en Noia, pois os catro primeiros puntos da orde do día foron aprobados cos votos a favor de todos os grupos municipais. Así, o Pleno aprobou o novo regulamento da Feira Medieval de Noia, “un traballo importante realizado que, coa experiencia dos últimos anos, permite corrixir aspectos anómalos para mellorar a xestión e darlle unha mellor difusión a unha feira que é todo un referente na comarca”, asegurou o alcalde, Santiago Freire.

O concelleiro de Cultura e voceiro do NOIA, José Pérez, explicou que “despois de seis ou sete ano, este regulamento necesitaba unha volta”, agradecendo as achegas dos distintos grupos municipais na comisión informativa convocada ao respecto. Así, destacou que o novo regulamento aposta por incrementar a seguridade, “sobre todo na montaxe do postos, sendo requisito indispensable asistir á reunión de seguridade. E tamén temos que mellorar moito na cuestión dos residuos: temos que xerar menos lixo e unha limpeza en toda a feira”.

Así mesmo, explicou que “adiantamos a data de presentación das solicitudes de postos para a Feira porque non podemos estar a tres días dela notificando á xente” e fixo fincapé na regulación das actividades de animación de rúa, cunha ordenanza fiscal “para que paguen en función dos metros cadrados que poidan ocupar”. En resumo, con este novo regulamento “trátase de aportar, de mellorar e dar a mellor das imaxes antes de solicitar a declaración da Feira Medieval como Festa de Interese Turístico”. Neste sentido, José Pérez indicou que “no próximo pleno ou no seguinte traeremos a proposta para solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico para a Feira Medieval de Noia”.

PSOE e Marea Cidadá de Noia coincidiron en preguntar se se van instruír os expediente de sanción recomendados pola Secretaría, ao que o alcalde noiés garantiu que “o Departamento de Secretaría ten instrucións para facer a tramitación correspondente”.

Feira Cabalar

Tras aprobar por unanimidade e sen debate ningún o requirimento da Fiscalía de actuación sobre o CIM, os grupos municipais aprobaron tamén solicitarlle á Xunta de Galicia a declaración de Festa de Interese Turístico Galego para a Feira Cabalar de San Marcos. “Unha feira nacida en 1578 que antes tiña lugar no monte de San Marcos, onde había unha capela a carón do camiño que levaba a Santiago, e que en 1856 se trasladou a Noia, onde hoxe en día se celebra en San Lázaro. Polo tanto, ten acreditada a permanencia, o valor turístico e a participación da poboación como para ser declarada Festa de Interese Turístico”, argumentou Santiago Freire.

Pola súa banda, José Pérez salientou que “a Feira Cabalar de Noia, que non festa, era a feira que abría todas as feiras de Galicia”, destacando ademais o crecemento experimentado nos últimos anos, “onde pasamos de ter 12 ou 13 cabalos a ter cerca de 100 na última edición”.

Mocións

A unanimidade mantívose en dúas das catro mocións presentadas polos grupos municipais. Así, todos os grupos votaron a favor e sen debate a proposta do BNG de mellorar a accesibilidade da praia de Boa Grande para persoas con mobilidade reducida, despois de que o voceiro nacionalista aceptara retirar da mesma a esixencia de prazos de cumprimento. Como lembrou o alcalde, “estamos falando dun espazo onde temos que solicitar autorizacións previas. Se é posible telo feito este verán, mellor, pero todo dependerá de cando nos dean as autorizacións”.

Tamén se aprobou por unanimidade a moción do PSOE de Noia, onde Roberto Iglesias actuou xa como voceiro municipal durante toda a sesión, incluso antes da toma de coñecemento do relevo na portavocía dos socialistas. Iglesias pediu un plan de limpeza dos cauces fluviais e dos sistemas de recollida de pluviais e saneamento do municipio para evitar enchentes como as producidas durante o pasado temporal de mediados de mes.

Santiago Freire aceptou aprobar a moción, se ben fixo fincapé en que “no Concello de Noia facemos traballos de prevención todo o ano, non só nos cauces senón coa limpeza de sumidoiros e colectores de pluviais”. Neste sentido, puxo en valor o traballo levado a cabo polos traballadores municipais, Policía Local e Protección Civil durante o último temporal para “poder volver á normalidade canto antes”, lembrando que as inundacións e os desperfectos foron debido “a un volume inmenso de metros cúbicos de choiva caída durante moitas horas seguidas. Puxéronse os medios, pero aínda así non é posible facer fronte a temporais coma estes”.

Así mesmo, Freire Abeijón anunciou que “xa encargamos un proxecto para a ampliación da ponte de Pastoriza, cunha luz maior e cunha estrutura prefabricada, e actuaremos tamén sobre outras pontes”. Finalmente, amosou a súa confianza en que a nova lei reguladora impulsada por Augas de Galicia facilite actuar sobre as franxas contiguas ao río e poder acometer máis e mellores labores preventivas.

Por outra banda, o BNG sacou adiante a súa moción sobre a sanidade cos 8 votos a favor de PSOE, Marea Cidadá de Noia e BNG, as 2 abstencións do NOIA e os 6 votos en contra do PP. O voceiro do NOIA xustificou a súa abstención en que “aínda que no fondo estamos de acordo”, “non imos entrar con proposta xenéricas que se traian polas eleccións autonómicas. Queremos que nos axustemos á localidade”.
De feito, os voceiros de BNG e PP enredáronse nun debate de máis de media hora confrontando datos de inversión e atención médica durante o bipartito na Xunta e durante o mandato de Núñez Feijoo. Finalmente, a proposta do PP de deixar sobre a mesa a moción non foi aceptada polo grupo municipal do BNG, polo que tivo lugar a votación e a moción foi aprobada por maioría simple.

Finalmente, a moción presentada por vía de urxencia polo Partido Popular sobre a débeda do Estado a Galicia non superou o trámite de urxencia debido aos votos en contra do PSOE e a Marea Cidadá de Noia.

Cambio na portavocía socialista

No apartado de dación de contas, o Pleno tomou coñecemento da renuncia de Sergio Campos á portavocía do grupo municipal socialista. “Agradecémoslle a tarefa desenvolta estes meses. Un traballo respectuoso, riguroso e construtivo, que espero que se manteña, independentemente das diferenzas ideolóxicas”, apuntou o alcalde noiés. Un agradecemento ao que se sumaron todos os grupos municipais.